Alumnos do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo investigaron sobre o Arquivo Histórico municipal
Alumnos do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo participaron no proxecto TAEUS, coordinado pola Asociación INGALICIA e que implicou a centos de alumnos de España no coñecemento dos fondos de cohesión da Unión Europea, a través de técnicas de recollida de datos, análise e diagnóstico de información, e animou aos grupos a levar a cabo un traballo de investigación, a creación de material audiovisual e a difusión dos resultados acadados.
Este obxectivo supuxo estudar os aspectos teóricos, sociais e políticos destes fondos, escoller entre os que afectan á nosa comunidade, coñecelos, e, por último, dalos a coñecer ao resto da cidadanía.
No caso do centro ribadense escolleron o programa que desenvolve o Concello de Ribadeo para a recuperación do patrimonio documental ao longo da súa historia. "Desde o ano 2017 realizáronse cinco programas mixtos de formación e emprego, cofinanciados no 92% polo Fondo Social Europeo. Estes programas teñen por finalidade mellorar a ocupabilidade das persoas que non estean traballando nin participando en actuacións educativas ou formativas, de entre 18 e 29 anos, que figuren inscritas no ficheiro do sistema de Garantía xuvenil de España. Os obxectivos que persegue son crear un inventario con toda a documentación, garantir o acceso universal empregando medios dixitais, e promover a difusión deste patrimonio a través da creación dunha páxina web do arquivo", di a responsable do proxecto Ana Belén Vázquez Rodríguez.
Este traballo converteu ao arquivo municipal de Ribadeo nun dos mellor organizados da provincia, cuns 50.000 documentos descritos e clasificados. Ademais, o traballo de dixitalización conseguiu actualizar todos os libros de actas consistoriais desde o século XVI ao XX, así como toda a documentación do padrón de habitantes, planimetría e expedientes de obras de urbanización. En total fixéronse aproximadamente unhas 300.000 imaxes.
O alumnado realizou dúas visitas ao concello. Na primeira, a responsable do proxecto e o grupo de xoves do obradoiro de emprego Territorio Vivo amosaron o traballo que levan a cabo e explicaron os distintos procesos que deben realizar para conseguir os obxectivos expostos. Na segunda, realizada unha vez que o alumnado filtrou e analizou a información aportada, estudaron unha selección da documentación máis relevante encontrada ao longo deste programa. Así, o alumnado puido descubrir os planos do arquitecto Manuel Machuca para unha gran catedral na vila, un manuscrito que recubría un libro de contabilidade do século XVI e que pertence ao século XII ou XIV, e que contén, entre outros elementos, sete composicións musicais denominadas antífonas (que xa tiveron unha exclusiva exposición na vila), cartas, legados de libros, libros de contas, expedentes,... un sen fin de testemuñas da historia local que ofrecen as caras e as cruces da vida cotiá dos nosos antepasados.
O traballo dos alumnos e alumnas de 1º de bacharelato tivo como obxectivo dar a coñecer este patrimonio documental e o seu resultado pódese ver nas redes sociais como tiktok (na conta kosmopolitas), no seu twitter @cosmopolitas1, en youtube (Arquivo Histórico de Ribadeo) e na propia páxina do centro. "Queremos compartir con toda a cidadanía este proxecto, agradecer a todas as persoas implicadas a súa colaboración e animarvos a coñecer e dar a coñecer todas estas testemuñas do que fumos e que nos converteu no que somos", concluiu Vázquez.