Alumnos de San Cibrao visitan a exposición sobre baleas das Casa da Cultura

O alumnado do CEIP Península da Paz visitou hoxe a mostra Baleas a Flote: arte en Madeira e Mar, instalada na Casa da Cultura de San Cibrao e aberta ao público durante todo o mes de abril.
Esta exposición pode visitarse de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas, e tamén en horario de tarde de luns a xoves, de 16:00 a 19:00 horas, ofrecendo así unha ampla oportunidade para que veciñanza e visitantes se acheguen a este proxecto artístico e ambiental.
Durante a visita, o propio artista, Francisco Martínez-Pin, foi o encargado de guiar ao alumnado pola mostra, explicando de primeira man o proceso de creación das súas obras e o valor dos materiais recuperados empregados nas mesmas. As súas explicacións espertaron un grande interese entre os nenos e nenas, que participaron activamente ao longo do percorrido.
O acto contou tamén coa presenza da alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, quen acompañou ao alumnado nesta actividade e destacou a importancia de achegar a arte e a concienciación ambiental á cidadanía, especialmente ás novas xeracións.
A visita desenvolveuse nun ambiente participativo e didáctico, no que o alumnado amosou unha grande curiosidade e implicación, conectando coa mensaxe da exposición e coa tradición mariñeira da contorna.
Dende o Concello de Cervo quérese agradecer ao CEIP Península da Paz a súa participación e boa disposición para formar parte deste tipo de iniciativas, que contribúen a reforzar os vínculos entre a comunidade educativa e a actividade cultural do municipio.
Dende o Concello de Cervo destácase, ademais, o compromiso por promover actividades culturais e educativas que contribúan a sensibilizar sobre o coidado do medio ambiente e a posta en valor do patrimonio e identidade local.