Alumnos de Ribadeo participarán nas 'Viaxes no tempo' para coñecer referentes femininos

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O alumnado de infantil e de primaria dos colexios Gregorio Sanz e Sagrado Corazón participará nas Viaxes no tempo, que organizan a Concellaría de Igualdade e o CIM co obxectivo de ofrecerlles referentes femininos comarcais, galegos e internacionais.
87962122_2945473255515351_8928817244050292736_n
6 Feb 2020

O alumnado de infantil e de primaria dos colexios Gregorio Sanz e Sagrado Corazón participará nas Viaxes no tempo, que organizan a Concellaría de Igualdade e o CIM co obxectivo de ofrecerlles referentes femininos comarcais, galegos e internacionais. A actividade enmárcase no proxecto Eu quero ser coma… que Igualdade en colaboración cos centros educativos está levando a cabo para o alumnado do colexios ribadenses.

As Viaxes no Tempo desenvolveranse na Escola Municipal de Música de Danza mañá e o venres en horario de 10 a 13 horas. O xoves, día 6, pasarán pola Escola en 2 quendas todas as clases de infantil e primaria do Gregorio Sanz, e o venres, día 7, acudirán tamén en 2 quendas todo o Sagrado Corazón.

Desde a Concellaría de Igualdade explican que “a actividade consiste en que o alumnado viaxará no tempo para coñecer a diferentes persoeiras de diversos ámbitos (música, pintura, ciencia, literatura, deporte, etc...), algunhas delas orixinarias da Mariña coma Maruxa Mallo, outras galegas como a primeira muller futbolista Irene González, ou a primeira astrónoma galega Antonia Ferrín, e outras de ámbito internacional como a cantante Violeta Parra ou a precursora do wifi: Hedy Lamarr, entre outras”.

E engaden que “para isto o alumando da clase de coeducación do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo, 4 profesoras dese mesmo centro e 2 voluntarias do grupo de teatro de Ribadeo, encarnarán os papeis desas mulleres e recibirán ao alumnado cada unha nunha aula da Escola. No momento no que o grupo atravese esas portas, deixará de estar no 2020 para remontarse a outros anos, e poder gozar das anécdotas e das aventuras contadas de primeira man por mulleres que aínda hoxe son recordadas polo seu papel na historia, pese a que nun primeiro momento a maioría sufriron moitas trabas para poder chegar onde chegaron, pola condición de ser mulleres”.

Desde Igualdade subliñan que “o obxectivo deste proxecto é ofrecer á rapazada referentes femininos, tan escasos nos libros de texto”.

Nas portas das aulas da Escola de Música haberá colocados carteis destas mulleres que foron e seguen a ser un referente. 

0.19233298301697