Alumnos de Apaga fan prácticas académicas en Oporto
Catro alumnos de Chantada, Pamplona e Murcia realizan durante tres meses prácticas na empresa Caetano Baviera BMW, do Porto. Fano da man de Apaga e dentro dos proxectos Erasmus +. Ata a cidade portuguesa desprazouse o presidente da Asociación de Profesores de Automoción de Galicia, Álvaro Doural, que cualificou de “importante a formación que estes mozos recibirán durante as próximas semanas, que servirá para completar os estudos que están a realizar nos seus respectivos centros”.
As actividades formativas de Apaga seguen tamén estes días en Ribadeo. Onte, venres, concluiu a segunda edición do curso de interpretación de planos no sector naval. Deu comezo o 19 de abril e terminou onte. A terceira edición dará comezo o vindeiro luns, 3 de maio. Estaleiros Gondán, de Castropol, colabora con Apaga na organización destes cursos destinados ao sector naval.
E o vindeiro domingo, día 2, seguirá tamén en Ribadeo o curso sobre venda en liña e redes sociais. Desde o pasado 25 de abril ten lugar todos os domingos pola tarde ata o 23 de maio. Está a ser impartido por Andrea Lombardía e Silvia Martínez. Os destinatarios son o comercio local, as pemes e as microempresas.