Alumnos de 1º da ESO do IES Monte Castelo de Burela resultaron gañadores do certame Clases sen fume
Alumnos e alumnas de 1º da ESO do Instituto de Educación Secundaria Monte Castelo de Burela resultaron gañadores do certame Clases sen fume, no apartado de Mellor actividade Creativa, coa proposta Déixate axudar.
Así, recolleron o premio nun acto celebrado en Santiago de Compostela, presidido polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e ao que asistiron os finalistas de toda Galicia.
O premio consiste en desfrutar dun programa multiaventuras de cinco días no complexo xuvenil de Gandarío, que compartirán cos outros dous centros gañadores: o IES Valle Inclán de Pontevedra e, na categoría de “Mellor Slogan”, o Colexio Galaxia de Ribeira.
Clases sen fume é un concurso educativo para a prevención do tabaquismo, dirixido a escolares de primeiro ciclo de ESO, é dicir de 12 a 14 anos, idade na que se dan os primeiros contactos co tabaco. Está impulsado pola Consellería de Sanidade no marco do "Plan Proxecta", da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades. Este ano participaron no certame mais de 1.800 escolares de 40 centros educativos de toda Galicia.