Alumnas do IES de Ribadeo deseñan unha xincana polo municipio e gañan un concurso nacional
Cinco alumnas de 2º ESO do IES Dionisio Gamallo de Ribadeo foron gañadoras a nivel nacional da 2ª edición do Concurso Escolar Ecoeduca Haz tu mundo más sostenible co proxecto da Xincana Coida Medio Ambiente organizado por PortAventura World. As alumnas Iria Molejón, Sara Samrawit Otero, Santina Pilar Rocha, Claudia Rañón e Iria López, acompañadas polos profesores Andrés Rodríguez e Granadina Díaz do departamento de Física e Química, resultaron vencedoras como integrantes do equipo Catedrais do Mar.
O premio consistía nunha fin de semana en PortAventura World e para o centro un premio en metálico de 1.000 euros para desenvolver o proxecto. Asistiron a gala de entrega de premios como único equipo galego premiado xunto con outros 4 equipos doutras comunidades gañadores dos outros 4 retos.
O obxectivo do proxecto é concienciar e colaborar na conservación do medio ambiente e ao mesmo tempo demostrar que, aínda sendo menores e adolescentes, poden aportar ideas a partir das cales se poden realizar accións para coidar a nosa contorna e polo tanto o noso planeta. O proxecto consiste en realizar unha xincana polo concello de Ribadeo dende a praia dos Bloques ata o faro de Illa Pancha. En dita ruta faranse distintas probas relacionadas coa recollida, clasificación e reciclaxe dos residuos nas praias e sendas costeiras nos distintos puntos por onde discorre.
Os e as participantes poden ser tanto grupos de escolares como grupos de persoas locais ou visitantes que desexen contribuír ao coidado do medio ambiente. A ruta realizarase camiñando os primeiros tramos ata o lugar onde se realicen as probas correspondentes da xincana e o último tramo dende o forte de San Damián ata o faro de Illa Pancha irán en bicicleta, acompañados das alumnas que os guiarán e darán as explicacións e informacións pertinentes en cada lugar. Ao final do percorrido farase o reconto da puntuación e daráselle o premio correspondente ao equipo gañador.
O IES Dionisio Gamallo síntese moi orgulloso deste logro conseguido polas alumnas xa que foron seleccionadas como gañadoras entre 11.000 participantes. As alumnas premiadas sentíronse moi satisfeitas co premio e coa aprendizaxe obtida da experiencia, tanto durante a realización do proxecto como na entrega de galardóns.