Alumnado do CIFP Porta da Auga desenvolve un proxecto sobre a accesibilidade de Ribadeo
Alumnado do ciclo de atención a persoas en situación de dependencia, do Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Porta da Auga, de Ribadeo, e as profesoras Belén Blanco e Eva Cabanelas, desenvolven un proxecto sobre a accesibilidade de diferentes espazos, públicos e privados, do municipio ribadense.
Esta iniciativa, denominada Diverspazo, inclúe a colocación de sinalización específica cun código QR, a través do que se enlaza cunha web que elaboraron para ofrecer información sobre os inmobles municipais e lugares públicos que están adaptados para todas as persoas, incluso as que teñen reducida a súa mobilidade. Este proxecto, incluído no programa Lanzadeiras da Xunta de Galicia, conta coa colaboración do Concello de Ribadeo e na presentación estiveron o alcalde, Dani Vega, e a concelleira Montse Seijo.
A profesora Belén Blanco explica que no primeiro curso do ciclo de atención a persoas en situación de dependencia crearon “un proxecto relacionado coa diversidade de todo tipo, pero principalmente coa física, centrámonos na motora”. Consiste en analizar os diferentes espazos do municipio para ver cales serían accesibles a persoas que teñen algún tipo de diversidade. “Elaboramos unhas enquisas, que mandamos por Google Forms a máis de 50 centros e entidades que traballan no ámbito da diversidade ou das persoas maiores. Con esas enquisas pretendíamos conseguir información acerca de que é o que fan para organizar excursións e saídas”.
E comprobouse que están un pouco descontentos porque non todos os espazos poden ser desfrutados por completo polas persoas con diversidade, “porque ao mellor nun museo podes ir á primeira planta, pero á segunda ou a certas salas non podes chegar con algúns usuarios porque non hai medidas que debería. E non é só unha rampla, como deixaban moi claro nas enquisas”.
Neste proxecto tamén se ocupan da accesibilidade nos espazos naturais: “Hai praias que teñen un corredor de madeira, pero non dispoñen dunhas cadeiras anfibias para meterse na auga, por exemplo. Ou teñen unha zona na que comer, pero non hai uns corredores en condicións para que eles poidan acceder”, engade Belén Blanco. Detectouse que para saber se os espazos cumpren uns requisitos os que traballan con persoas con diversidade contactan con coñecidos que lles contan que foron a determinado sitio porque está ben, ten baños accesibles, na cafetería hai espazo para as cadeiras de rodas, etcétera.
Gasto de tempo e diñeiro
“Incluso o propio traballador, se é moi implicado, vai aos lugares antes para revisalo, o que supón un gasto de diñeiro e de tempo. Comentaron que internet é o que menos se usa para consultar isto. Entón pensamos que se podería crear unha páxina web e fixemos unha landing page, algo moi humilde”. A idea é que a longo prazo nesa páxina web aparecesen lugares accesibles de restauración, espazos públicos, museos, etcétera, de toda Galicia, localizados por provincias e por concellos. E que incluso houbese algunha ruta deseñada co que poderían facer nesa localidade.
Pola súa parte, o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, lembrou que o Concello está “traballando na mellora da accesibilidade de todos os edificios públicos: na Escola Municipal de Música imos construír un ascensor, imos eliminar a rampla lateral, como tamén vamos mellorar moitos espazos naturais, puntos turísticos, como pode ser O Cargadeiro, Illas, Castros, onde melloraremos todo o que poidamos, o que nos permita Costas”. E tamén na praia das Catedrais e nos distintos espazos públicos para seguir paulatinamente, pouquiño a pouco, mellorando os edificios municipais.
O Concello colaborará co CIFP Porta da Auga neste proxecto: “Naqueles edificios e lugares onde xa hai esa accesibilidade vaise colocar ese panel para que haxa esa información total e absoluta dos espazos públicos e dos espazos ao aire libre que teñan esa accesibilidade, e tamén privados na vila de Ribadeo”. O alcalde anunciou ademais que traballan “nun foro para falar sobre estes asuntos tan importantes para todos e tamén vamos facer esa guía onde se poidan visualizar perfectamente eses espazos públicos e privados onde melloramos, onde xa existe esa accesibilidade”.