Alimentar gatos na rúa esixirá carné tras a nova orde municipal


O Concello de Xove dá un paso máis no control das colonias felinas do municipio e quere poñer orde nunha práctica que ata agora moitas veces dependía só da boa vontade das persoas alimentadoras. O goberno local convocou unha reunión informativa dirixida a quen adoita dar de comer aos gatos na rúa, especialmente en Xove Pobo e Palmeiro, coa intención de presentar o novo programa municipal e explicar como se regulará a partir de agora esta actividade.
A clave do cambio está en que, unha vez celebrada esa reunión, xa non se permitirá alimentar gatos na vía pública sen dispoñer do correspondente carné de coidador/a de colonias felinas. O Concello sostén que a medida busca garantir unha convivencia adecuada, protexer o benestar animal e asegurar unha xestión máis coordinada e responsable das colonias existentes no termo municipal.
A decisión non chega da nada. Xove xa iniciara en 2025 a tramitación do seu Programa Municipal de Xestión de Colonias Felinas, que foi sometido a información pública en agosto e quedou aprobado en outubro, segundo recolle o Boletín Oficial da Provincia de Lugo. O texto encaixa, ademais, no marco da normativa galega e estatal sobre protección e benestar animal, que obriga os concellos a ordenar a xestión ética destas colonias.
Co novo sistema, o Concello busca tamén implicar de maneira máis directa ás persoas que xa veñen colaborando sobre o terreo, pero baixo unhas regras comúns e cun control administrativo máis claro. A mensaxe municipal é que a participación cidadá segue a ser necesaria, mais deberá facerse a partir de agora dentro dun marco regulado e coa acreditación correspondente