Algúns propietarios da Pontenova deben retirar as especies prohibidas das fincas
En cumprimento da Lei de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia e tras a denuncia do Servizo de Prevención de Incendios Forestais, o Concello da Pontenova avisa aos propietarios das fincas situadas nas inmediacións do IES Enrique Muruais e do cemiterio municipal para que procedan a xestionar a masa vexetal e retirar as especies prohibidas no prazo dun mes ata o vindeiro 24 de xuño.
Se non atenden á comunicación, o Concello procederá á execución da tarefa, sen prexuízo de que se poidan impoñer multas coercitivas e repercutir os custos ocasionados. Cumpren así co artigo 22 da Lei de Prevención que establece un procedemento para a xestión da biomasa no ámbito das redes de faixas en caso de incumprimento, que se inicia cunha comunicación á persoa responsable na que lle recorde a súa obriga de xestión da biomasa vexetal e retirada de especies arbóreas prohibidas e se lle conceda un prazo para iso, sen prexuízo de instrución do procedemento sancionador que corresponda.