Alfredo Llano nega irregularidades na xestión da Escola de Música

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O alcalde, Alfredo Llano, rexeita as acusacións vertidas nas últimas horas polo BNG sobre o funcionamento de escola de música.
28 Feb 2020

O alcalde, Alfredo Llano, rexeita as acusacións vertidas nas últimas horas polo BNG sobre o funcionamento de escola de música. O rexedor considera que hai unha clara intención de desgastar ao equipo de goberno e ve nas declaracións dos nacionalistas un caso de oportunismo político ante a proximidade das eleccións autonómicas. Llano asegura ter actuado por responsabilidade e para atender as necesidades da escola de música, mentres o goberno municipal se atopaba en funcións. 

Para Alfredo Llano “chama a atención que o Bloque faga agora unhas manifestacións sobre informes que fixo a Intervención, por exemplo, con respecto ás facturas que se pagaron extraxudicialmente. Xa o dixen no seu día que estas facturas normalmente hai que pagalas extraxudicialmente derivado das súas naturezas porque pode que no seu momento, cando se pasaron as facturas, non se pagaran porque se esgotaran os recursos ou porque chegaron tarde ou porque non se modificaron os acordos, por cousas dese estilo”.

O alcalde insistiu en que “cando hai facturas que se pagan polo método extraxudicial sempre hai uns informes que normalmente son negativos pero tamén están xustificados, como así se ve no informe completo, cos servizos que se fixeron e que houbo realmente necesidade de facelos. Ou sexa que todo está xustificado e por iso se paga. Que faga agora estas declaracións o Bloque cando o pleno foi o día 6 significa que ou veñen cunha intención clara de querer desestabilizar ao goberno municipal ou ben que son moi lentos en ler os informes da Intervención. Evidentemente se o pleno foi o día 6 e o día 27 sacan as conclusións hai que pensar que fan realmente”.

O rexedor subliñou que “como noutras facturas que se pagaron extraxudicialmente os servizos e os traballos están feitos e igual ocorre na escola de música. Agora estamos na fase de elaboración da nova RPT, na que se inclúe o profesorado que necesita a escola de música para poder atender ao alumnado que vai a ese centro. Pretendemos que sexa unha escola de música de referencia na Mariña lucense e por tanto queremos a máxima calidade e a maior dotación docente para que poida ser así”.

Llano dixo: “resulta que a contratación de 5 profesores o ano pasado non se puido levar a cabo primeiro porque non podíamos sacar as prazas porque estábamos en funcións; e segundo por un informe de Intervención indicando que non se podían contratar da maneira como se viña facendo. Isto deu lugar a pensar nunha solución para atender as necesidades do alumnado e de funcionamento da escola. Entón o que se fixo foi contratar unha empresa de servizos para dotar de persoal especialista en instrumentación, na preparación de eventos e en formación para o alumnado da escola porque non podíamos deixalos sen atención e sen actividades. Por tanto recorreuse a este método, que nos pareceu adecuado. Actuouse por responsabilidade e para atender as necesidades da escola de música”.

Alfredo Llano sinalou que “para nada se pretenden facer cousas que estean fóra da lei nin moito menos, aínda que esta información do Bloque parece que vai por eses camiños. Pero Mario Pillado era coñecedor do que se estaba facendo porque así llo explicamos, pois era necesario mentres non se elabore a RPT, que vai contemplar a totalidade do profesorado que fai falta para que a escola de música funcione perfectamente e de forma óptima, e se faga a contratación a través da RPT. Para iso estamos traballando e unha vez feitas as eleccións sindicais vaise volver comezar coas negociacións sobre esta RPT. Pero mentres tanto hai que adoptar solucións ou ¿imos deixar a escola de música sen funcionar?”.

O alcalde engadiu que “o importante é que os servizos que ofrece o Concello funcionen da mellora maneira posible. Houbo esta solución, como podía haber outras, pero esta foi acertada porque funcionou perfectamente, os rapaces e rapazas que van á escola de música tiveron docencia e puideron facer festivais e actuacións. Ou sexa que esta metodoloxía foi pensada única e exclusivamente para favorecer o aprendizaxe dos nosos alumnos e alumnas da escola de música. Por tanto estas manifestacións agora dando a entender que non se fixeron as cousas ben, cando Mario Pillado era coñecedor de todo o que estaba facendo porque naquel momento, cando se lle explicou e entendeu que tiña que ser a través da RPT a normalidade dos profesores, penso que é un oportunismo político cara ás eleccións, que están aí e paréceme ben que sacudan a alfombra a ver se sae algún peliño por aí e se poden aproveitar, pero hai que ser serios e pensar que coa responsabilidade de que as cousas funcionen ben hai que tomar decisións da mellor forma posible dentro do contexto en que se nos explicou a través dos técnicos”.

O rexedor manifestou: “agora estamos no proceso de elaborar a RPT e esperemos que para o curso que vén estea todo normalizado e poidan ir todos os profesores de acordo coa normativa, coa RPT e coas necesidades propias da escola e a partir de aí funcionar ben. Polo tanto non entendo que agora mesmo o Bloque se aproveite dunha conxuntura que non ten moito que ver co que realmente ocorre no Concello”.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18369197845459