Alfoz xa conta co seu Plan Básico Municipal, aprobado definitivamente no DOG

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a aprobación definitiva do Plan Básico Municipal (PBM) de Alfoz, un instrumento clave que permite dotar ao municipio dunha ordenación urbanística básica mentres non se elabore un plan xeral propio. Trátase dunha ferramenta promovida pola Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, que supón un avance importante para os concellos de menos de 5.000 habitantes que, como é o caso de Alfoz, carecían ata agora dunha planificación urbanística xeral.
Con 1.523 habitantes segundo os datos do INE en 2024, Alfoz tiña ata o momento unicamente delimitado como núcleo rural o asentamento de A Granda, aprobado definitivamente o 28 de marzo de 2023. Asemade, constaban no concello tres recoñecementos de núcleos rurais preexistentes: Vilaúde (1992), Barbeito (2001) e Rolle (2002). Tamén figuraba un documento datado en 1964 baixo o nome de plan xeral de ordenación urbana e plan parcial do polígono da Gándara de San Pedro de Alfoz. Porén, tras a súa avaliación, concluíuse que ese documento só organizaba unha zona puntual do núcleo urbano e non podía considerarse como planeamento xeral.
O novo PBM supón unha ordenación territorial moito máis ampla e estruturada. Delimita 118 núcleos rurais repartidos polas nove parroquias do concello, dos que 80 son tradicionais —14 deles de tipo polinuclear—, 5 clasifícanse como comúns, e os 33 restantes presentan características mixtas entre tradicionais e comúns (15 tamén de tipo polinuclear). Entre estes, inclúese novamente A Granda, cuxa delimitación física e parcela mínima se manteñen conforme á aprobación do 2023.
Ademais, o plan clasifica como solo urbano consolidado dous ámbitos situados nos arredores dos asentamentos da Seara e Vilaúde, aínda que parte deste último segue identificado como solo de núcleo rural tradicional.
No que atinxe ao patrimonio, o documento incorpora un catálogo de 185 elementos culturais repartidos por todo o municipio: 28 deles están recoñecidos como Bens de Interese Cultural (BIC), 13 presentan interese arqueolóxico, 47 están ligados á etnografía tradicional e 97 teñen valor arquitectónico. Esta catalogación permite recoñecer, protexer e planificar a conservación do importante legado cultural que posúe o concello.
Cómpre lembrar que os Plans Básicos Municipais son documentos transitorios que teñen vixencia ata que existan circunstancias que xustifiquen a elaboración dun plan xeral de ordenación municipal, máis completo e adaptado a un contexto urbanístico máis complexo. Ata ese momento, o PBM garante un marco legal e técnico para o desenvolvemento e protección do territorio.