Alfoz: Ruta do río Ouro
O río Ouro nace na vertente oriental da Serra do Xistral, catalogada ai igual que o propio Ouro, como Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Son os dous espazos protexidos cos que conta o Concello alfocego.
Este é un pequeno pero interesante percorrido polas beiras e zonas asolagadas das marxes do Ouro que permitirá descubrir e desfrutar da riqueza floral e faunística que atesouran as augas e ribeiras desta xoia natural do norte lucense. Este comeza nos muíños de Damián e continúa río arriba no que se poderán ver ameneiros, freixos, salgueiros e abeleiras que dan formar as galerías fluviais nas que se agochan picapeixes, merlos rieiros ou lavandeiras na procura dalgún peixe, entre os que se poden atopar dende a común troitan ata a escasa lamprea. Se ben é o mexillón de río ou madreperla o habitante máis característico destas augas, nas que se atopa unha das escasísimas pobocicións galegas desta especia.
Outros habitantes cos que conta este pequeno ecosistema son a vacaloura, a ra patilonga ou a píntega común, sen esquecernos das simpáticas lontras ou o pequeno desmán ibérico.
É un continuo percorrido pola beleza da paisaxe e a riqueza e variedade da flora e fauna que gardan as ribeiras do Río Ouro, catalogado como Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) dentro da Rede Natura 2000.
En definitiva, un conxunto paisaxístico que o camiñante poderá descubirir e desfrutar ao longo dos máis de 8 quilómetros de ruta, dende Bacoi ata A Maciñeira. Atoparase con lugares con moito encanto como os xardíns da Finca Galea, as áreas de recreo do trece e a Ponte Nova ou incluso achegarse ata o Castelo de Pardo de Cela.
A ruta remata no Lugar de Maciñeira na parroquia de Lagoa.