Alfoz retoma o programa de estimulación cognitiva “ActivaMENTE” para maiores de 55 anos

AMariñaXa
A iniciativa, que promove o benestar mental e social, celebrarase todos os xoves no Centro Sociocultural de Alfoz a partir do 17 de outubro
centro-sociocultural-biblioteca-alfoz
12 Oct 2025

O Concello de Alfoz continúa a súa aposta polas actividades dirixidas ao envellecemento activo coa posta en marcha dunha nova edición do programa de estimulación cognitiva “ActivaMENTE”, pensado para pensionistas e persoas maiores de 55 anos.

As sesións comezarán o xoves 17 de outubro ás 10:30 horas, no Centro Sociocultural de Alfoz, e manteranse abertas ao longo de todo o ano, co obxectivo de ofrecer un espazo estable no que traballar a memoria, a atención e outras habilidades mentais a través de dinámicas amenas e participativas.

Desde o Concello explican que esta actividade busca previr o deterioro cognitivo, favorecer a autonomía persoal e fortalecer as relacións sociais, creando un ambiente de aprendizaxe e convivencia que contribúa ao benestar emocional das persoas participantes.

As inscricións poden realizarse durante todo o ano nas dependencias municipais ou chamando ao 982 55 80 01. O programa conta con profesionais especializados que acompañan aos grupos en cada sesión, adaptando os exercicios ás necesidades e capacidades de cada persoa.

O Concello de Alfoz anima á veciñanza a sumarse a esta iniciativa, que combina o coidado da mente co pracer de compartir bos momentos, reforzando o compromiso municipal coa saúde e a calidade de vida das persoas maiores.

⚙ Configurar cookies
0.085416078567505