Alfoz repara o muro de acceso ao Castelo de Castrodouro para garantir a seguridade deste ben

O Concello de Alfoz vén de anunciar a finalización das obras de reparación do muro de contención na subida ao Castelo de Castrodouro, un elemento clave para garantir a seguridade e conservación deste ben patrimonial declarado Ben de Interese Cultural (BIC) desde 1994.
A intervención foi financiada con 35.965 euros procedentes do Plan Deputación Cooperación cos Concellos. A actuación executouse logo de detectar unha bolsa de auga que estaba a provocar danos estruturais no muro. Tras realizar o estudo técnico necesario, procedeuse á súa consolidación e estabilización.
“Era unha actuación urxente e prioritaria. Grazas á axilidade dos traballos conseguimos rematalos antes da celebración do Mercado Medieval, garantindo así o acceso seguro ao castelo tanto para veciñanza como para visitantes”, destacou a alcaldesa de Alfoz, Efigenia Maseda.
Como parte dunha segunda fase de melloras, o Concello tamén avanzou que se acometerá a impermeabilización da canaleta da fortaleza. O obxectivo é evitar futuras filtracións de auga e seguir avanzando na preservación dun dos principais elementos patrimoniais do municipio.
Estas actuacións, sinalan desde o Goberno local, evidencian o compromiso do Concello de Alfoz coa protección e posta en valor do seu patrimonio histórico, así como co impulso do turismo cultural na comarca.