Alfoz propón unha ruta guiada pola Pena Abaladoira e a fervenza do Escouridal

O Concello de Alfoz continúa apostando pola dinamización do seu patrimonio natural e paisaxístico con novas propostas de sendeirismo. O domingo 15 de xuño terá lugar unha nova edición da actividade “Polos camiños do Mariscal”, que nesta ocasión levará ás persoas participantes ata a Pena Abaladoira e a fermosa fervenza do Escouridal, dous enclaves de alto valor ecolóxico e cultural.
A saída será ás 9:00 horas e o percorrido cubrirá unha distancia de 8 quilómetros, cun nivel de dificultade media. A actividade é totalmente gratuíta e conta con prazas limitadas, polo que desde a organización recoméndase reservar canto antes no teléfono 654 99 68 57 (Ana). O traslado ata o punto de inicio realizarase en autobús desde o propio concello.
Esta iniciativa, organizada polo Concello de Alfoz coa colaboración de “Guía tu día”, busca promover hábitos saudables e poñer en valor os tesouros naturais que salpican a contorna, convidando á veciñanza e visitantes a redescubrir o territorio a pé.