Alfoz presenta a súa programación cultural de decembro con teatro, música e actividades para toda a familia

O Concello de Alfoz deu a coñecer a súa programación cultural para o mes de decembro, unha proposta diversa e pensada para todos os públicos que encherá a localidade de teatro, música, literatura e celebracións familiares ata final de ano.
As actividades arrancarán o sábado 13 de decembro na Casa da Cultura cunha representación teatral e musical dirixida ao público infantil e familiar baixo o título “O Castiñeiro do Apalpador”. Ademais do espectáculo, entregarase un agasallo a todos os nenos e nenas asistentes, farase público o fallo do XXIII Concurso de Postais de Nadal, entregarase un diploma a cada participante e exhibiranse as postais elaboradas na biblioteca municipal.
A programación continuará o venres 19 de decembro, tamén na Casa da Cultura, cun dos momentos máis destacados do mes: o acto de entrega dos premios do Concurso Balbino de Relatos. Nesta edición, o galardón recae no veciño Lionel Rexes, quen presentará ese mesmo día a súa obra “As donas da noite”.
O ambiente musical chegará o sábado 20 de decembro, ás 19:30 horas, co tradicional Concerto de Nadal. A Banda de Música de Vilalba interpretará e fusionará temas clásicos destas datas con panxoliñas, nun espectáculo pensado para toda a familia.
A música seguirá presente o sábado 27 de decembro, tamén ás 19:30 horas, cun Concerto de fin de ano a cargo da Big Band da Escola de Música de Mondoñedo, que ofrecerá unha proposta variada e festiva para despedir o 2025.
A gran celebración infantil terá lugar os días domingo 28 e luns 29, no Pavillón Municipal, cunha completa Festa de Nadal para nenos e nenas. A programación incluirá inchables, tobogáns xigantes, pista de obstáculos, wipe out, obradoiros de tatuaxes e chapas, táboa de surf e moitas outras sorpresas. A actividade desenvolverase de 17:30 a 20:30 horas, con xogos adaptados tamén para maiores de 18 anos.
Con este programa, o Concello de Alfoz reafirma o seu compromiso coa dinamización cultural e coa creación de espazos de encontro nos que veciños e visitantes poidan desfrutar das festas nun ambiente participativo e familiar.