Alfoz ofrece un curso de natación gratuíto
Co obxectivo de mellorar os servizos á cidadanía e aproveitar ao máximo os recursos dispoñibles, o Concello de Alfoz ofrecerá un curso de natación de forma gratuíta, que comezará o próximo 15 de xullo. Esta iniciativa está deseñada para proporcionar unha oportunidade de aprendizaxe e lecer tanto aos nenos e nenas como ao público xeral, destacando como unha das principais melloras e novidades deste verán.
Os nenos e nenas que son usuarias de Ludiverán Alfoz poderán participar no curso de natación de 11.30 horas a 14.00 horas, integrando esta actividade nas súas xornadas de verán. Pola tarde, o curso estará dispoñible para o público xeral interesado, que poderá achegarse á piscina municipal de 16.00 a 18.00 horas. Dende a área de Educación, Igualdade e Participación do Concello de Alfoz sinalan que esta iniciativa non só optimiza os recursos municipais, senón que tamén ofrece un servizo de calidade á comunidade.
"Esta é unha excelente oportunidade para que os nosos veciños e veciñas melloren as súas habilidades de natación e gocen dun verán activo e saudable. Ademais, fomenta a igualdade de acceso a actividades deportivas e de lecer", destacou o Concelleiro de Deportes, Eliseo Lorenzo. O Concello de Alfoz anima a todos os interesados a participar nesta iniciativa e aproveitar os beneficios dunha actividade deportiva tan completa como a natación, que contribúe ao benestar físico e mental de todas as idades.