Alfoz mellora e acondiciona os parques municipais para crear espazos máis accesibles e seguros

AMariñaXa
As actuacións no Parque Municipal Alcalde José Palmeiro e no recinto do CEIP Plurilingüe Castro de Ouro buscan ofrecer un mellor servizo á veciñanza
Alfoz-Zona-de-xogos-Alcalde-Jose-Palmeiro
15 Mar 2025

O Concello de Alfoz vén de poñer en marcha un ambicioso proxecto de mellora e acondicionamento dos parques municipais do municipio, en particular do Parque Municipal Alcalde José Palmeiro e o espazo verde no interior do recinto do CEIP Plurilingüe Castro de Ouro. O obxectivo é ofrecer á veciñanza un espazo renovado e máis accesible para o lecer, así como mellorar a seguridade e a calidade do entorno.

As actuacións no Parque Municipal Alcalde José Palmeiro incluíron a limpeza das rúas próximas ao parque, a instalación de bordos que pechan todas as rúas con acceso directo a unha estrada e a retirada de antigas papeleiras en mal estado, que foron substituídas por novos elementos máis modernos. Tamén se procedeu á retirada de árbores enfermas e á substitución dos xogos infantís, mellorando ademais o chan destas áreas para aumentar a seguridade dos máis pequenos. Como parte das melloras, tamén se instalou unha papeleira hixiénica para os residuos das mascotas, co fin de garantir a limpeza e benestar do parque.

A alcaldesa de Alfoz destacou que esta intervención responde a unha demanda da veciñanza e busca facer do parque un espazo máis agradable, seguro e inclusivo para todas as idades. "Queremos que os nosos parques sexan lugares de encontro e goce para toda a familia, facendo especial fincapé na seguridade dos nenos e na accesibilidade para todos," explicou. A remodelación tamén tivo en conta criterios de sustentabilidade, empregando materiais respectuosos co medio ambiente e fomentando a conservación da biodiversidade.

No parque do colexio CEIP Plurilingüe Castro de Ouro tamén se levaron a cabo melloras, como a retirada e limpeza do solo danado, e a reparación e arranxo dos xogos infantís. Neste espazo tamén se priorizou a seguridade e a accesibilidade para o uso dos máis pequenos.

Ademais, o Concello de Alfoz está a estudar a situación do Parque da Feira do 13 e convocará unha reunión coa asociación parroquial para decidir melloras adicionais neste espazo.

O Concello de Alfoz agradece a colaboración da veciñanza durante os meses en que os parques estivo en obras e fai un chamamento ao uso responsable e cívico dos espazos públicos. "Lembramos que os parques son para o deleite de todos e todas, e que debemos coidalos para garantir a súa conservación," concluíu a alcaldesa.

⚙ Configurar cookies
0.29814791679382