Alfoz Limpo volve á carga contra os vertidos incontrolados nas cunetas

AMariñaXa
O colectivo denuncia que moitas zonas limpas por voluntariado hai un ano volven estar cheas de lixo e fai un novo chamamento á responsabilidade cidadá
casa-do-concello-de-Alfoz
28 Jun 2025

Un ano despois da recollida masiva de lixo organizada por voluntariado no concello de Alfoz, o colectivo Alfoz Limpo denuncia que moitas das zonas que foran limpas volven presentar un estado “lamentable”, con residuos de todo tipo acumulados nas cunetas. Desde o grupo subliñan que esta situación “non é só un atentado contra o medio ambiente, senón tamén unha falta de respecto ao traballo altruísta da veciñanza”.

Na última reunión do colectivo acordouse lanzar un novo chamamento á cidadanía, tanto a residentes como visitantes, para frear estas condutas incívicas. “Non podemos permitir que o esforzo de tantas persoas sexa inútil por culpa do egoísmo e da falta de conciencia dalgúns”, advertiron.

Alfoz Limpo apela á responsabilidade individual e colectiva, ao tempo que anuncia que nas próximas semanas se organizarán novas xornadas de recollida, abertas á participación de todas aquelas persoas que desexen colaborar. “O noso obxectivo non é só limpar, senón tamén concienciar. Queremos un Alfoz limpo, e iso é cousa de todas e todos”, insisten desde a organización.

As datas destas novas quedadas serán difundidas a través das redes sociais do colectivo, que anima a veciñanza a sumarse e converter a defensa do medio nun compromiso compartido.

⚙ Configurar cookies
0.17810010910034