Alfoz inicia os trámites para declarar a Festa dos Chóferes de Interese Turístico

AMariñaXa
A celebración, que alcanzará en 2026 a súa 60ª edición, é símbolo de identidade local e punto de encontro para toda a Mariña
Alfoz-Procesion-Choferes
31 Jul 2025

O Concello de Alfoz deu comezo ao expediente para solicitar que a tradicional Festa dos Chóferes sexa recoñecida como Festa de Interese Turístico de Galicia. A iniciativa coincide coa celebración da súa 59ª edición, prevista para os días 1, 2 e 3 de agosto de 2025, e prepárase xa para conmemorar o 60 aniversario dunha festa que vai máis alá do festivo e que se consolidou como emblema cultural da comarca da Mariña Lucense.

A alcaldesa e concelleira de Turismo, Efigenia Maseda, destaca que esta celebración “non é só unha homenaxe aos condutores, senón un acto colectivo que reflicte a nosa historia e fortalece o sentido de comunidade”. Lembra que durante seis décadas foron os propios veciños e veciñas quen mantiveron viva esta cita “que forma parte da nosa alma como pobo”.

A festa, organizada pola Asociación Cultural e Xuvenil O Castelo, mestura tradición relixiosa con animación musical, incluíndo misas, verbenas e unha singular procesión automobilística que percorre todas as parroquias do municipio. Este desfile de vehículos, moitos deles decorados para a ocasión, remata cunha emotiva bendición na igrexa de San Pedro de Mor, mantendo viva unha tradición iniciada en 1965.

O Concello destaca que a declaración de Interese Turístico permitiría reforzar a proxección da festa e garantir apoio institucional, contribuíndo á súa protección e difusión fóra da comarca. “É unha oportunidade para dar visibilidade ao traballo silencioso de moitas persoas e poñer en valor o que levamos construído entre todos”, afirma Maseda.

A programación para 2025 mantén a estrutura tradicional, comezando o venres 1 de agosto cunha verbena a partir das 23:00 horas, con discoteca móbil e a orquestra Finisterre. O sábado 2 haberá misa solemne ás 13:00 h, sesión vermú coa orquestra Magos e verbena nocturna a cargo de Metrópolis. O domingo 3 iniciarase coa procesión de coches ás 11:00 h, seguida da misa e bendición ás 13:00 h, e pechará cunha nova sesión musical a cargo do grupo Montreal.

A Festa dos Chóferes, nacida na década dos 60 como mostra de devoción e respecto polo traballo dos condutores, conserva ese espírito orixinal e convida cada ano a veciños e visitantes a compartir fe, música, convivencia e festa.

⚙ Configurar cookies
0.16056394577026