Alfoz inicia este sábado o Mes do Teatro

AMariñaXa
Terá lugar todos os sábados de novembro no Salón de Actos da Casa da Cultura ás 20.00 horas
centro-sociocultural-biblioteca-de-Alfoz
28 Oct 2024

Comeza o Mes do Teatro de Alfoz, co inicio de novembro, no Salón de Actos da Casa da Cultura de Alfoz ás 20.00 horas. Desta volta con diferentes propostas de comedia para todos os públicos e para todos os gustos. A entrada é de balde e terá lugar os sábados día 2, día 9, día 16, día 23 e día 30 de novembro.

Comezará cunha proposta, segundo indican desde a organización, un tanto diferente, unha comedia  representando unha farsa de títeres a catro mans. Titulada ‘Coa música a outra parte’ da compañía do concello de Pol, Trécola producións. Catorce personaxes en catro mans e dúas gorxas, coa banda sonora en directo de dous músicos que nunca saben por onde terán que saír, improvisando e apoiando á representación d@s titiriteir@s en cada función de esta obra de guiñol viva e natural.

Catro historias entrelazadas forman este enredo, baseado en varias obras de Rafael Dieste ás que Trécola Producións lles dá unha volta, engadindo escenas de colleita propia e actualizando o seu argumento con temáticas combativas e irreverentes, para darlles un toque divertido e provocador. Desprezo polo diferente, a perversión do poder, a manipulación, o amor romántico... Unha obra na que as risas dos máis pequenos están aseguradas pero tamén dos máis maiores, apta para todos os públicos.

O sábado 9 terá lugar ‘Rosalía Café’, da compañía de Foz, A Adala Futura; o sábado 16, ‘Era boa se colara!!!" do Grupo os Pícaros de Lagoa; o sábado 23, ‘Aire fresco’ de Ardora de Cervo; e para rematar o ciclo, o sábado 30, ‘Saíndo do cerco’, da compañía Teatro do Miolo (Lugo).

 

 

 

⚙ Configurar cookies
0.65722894668579