Alfoz impulsa un curso avanzado para fomentar a inclusión dixital no medio rural

O Concello de Alfoz organiza un curso avanzado en competencias dixitais co obxectivo de que ninguén quede atrás no acceso e no manexo das novas tecnoloxías. A iniciativa, de carácter gratuíto, desenvolverase os días 17, 18 e 19 de novembro na Casa da Cultura da localidade, en horario de tarde, a partir das 17:00 horas.
A actividade está dirixida á veciñanza empadroada no municipio e conta con 15 prazas dispoñibles. As inscricións poden realizarse nas oficinas municipais ou a través do teléfono 982 558 001 ata o 14 de novembro.
O curso abordará contidos de grande utilidade práctica, como o uso responsable da tecnoloxía, a seguridade en Internet e nas redes sociais, a xestión da cidadanía e identidade dixital, así como unha introdución á intelixencia artificial e á súa aplicación na vida diaria. Ademais, incluirá un apartado específico sobre infancia e tecnoloxía, orientado a proporcionar ferramentas ás familias para acompañar aos máis novos nun uso equilibrado e seguro dos dispositivos dixitais.
Desde o Concello destacan que esta formación “busca reducir a fenda dixital e mellorar a autonomía das persoas, especialmente no medio rural, onde o acceso á tecnoloxía e á información non sempre é doado”. A proposta forma parte das accións municipais de impulso á alfabetización dixital e á participación cidadá nun contexto cada vez máis tecnolóxico.