Alfoz impulsa melloras na Escola Infantil e noutros edificios municipais

AMariñaXa
O Concello renova a caldeira da Galiña Azul e acomete actuacións complementarias con fondos municipais
Escola-Infantil-Alfoz
1 Dec 2025

O Concello de Alfoz vén de completar un conxunto de actuacións centradas na modernización da Escola Infantil Galiña Azul, situada en Carballido, así como noutras dependencias públicas do municipio. O obxectivo principal destas intervencións é asegurar espazos máis confortables, seguros e eficientes desde o punto de vista enerxético.

Un dos cambios máis destacados foi a renovación da caldeira da Escola Infantil, unha mellora incluída no proxecto “Mellora da eficiencia enerxética de edificios municipais (Casa do Concello – Escola Infantil)”, financiado a través do Fondo de Compensación Ambiental (FCA) 2025. Esta liña de axudas, dependente da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, permitiu investir un total de 45.058,12 euros.

O proxecto tamén recolleu a conexión do sistema de calefacción da Casa Sociocultural coa Casa do Concello, unha medida destinada a optimizar recursos e acadar unha xestión térmica máis racional e sostible entre ambos edificios.

Xunto a estas actuacións, o goberno local destinou fondos propios para acometer diversas melloras complementarias na Escola Infantil. Entre elas inclúese a substitución da secadora e do microondas, o cambio das columnas do peche do patio, o arranxo dunha cociña da área de xogos e a fabricación de pés elevados para as bandexas de experimentación, co fin de facilitar metodoloxías de manipulación e aprendizaxe activa. Tamén se instalaron topes nas portas para reforzar a seguridade diaria do centro.

A alcaldesa de Alfoz, Efigenia Maseda Paz, destacou que estas obras “reflicten o compromiso do Concello coa eficiencia enerxética e coa atención á primeira infancia, ao mellorar o confort dos máis pequenos e do persoal e garantir un servizo público de calidade”.

Con estas actuacións, o Concello de Alfoz continúa a súa aposta pola mellora permanente das infraestruturas municipais, combinando o aforro enerxético cun maior benestar para a veciñanza.

⚙ Configurar cookies
0.070943832397461