Alfoz homenaxeará ás persoas maiores no XXXI Festival da Terceira Idade

AMariñaXa
A celebración será o 11 de outubro con misa, xantar de confraternidade e actividades de animación
ALFOZ-XXX-Festival-da-3-idade-entrega-de-agasallos
25 Sep 2025

O Concello de Alfoz ultima os preparativos para o XXXI Festival da Terceira Idade, unha cita xa consolidada no calendario local que terá lugar o vindeiro sábado 11 de outubro. O obxectivo desta celebración é recoñecer a traxectoria vital e social das persoas maiores do municipio e ofrecerlles un espazo de encontro e convivencia.

A programación dará comezo ás 13:00 horas cunha misa na Igrexa Parroquial de San Pedro de Mor. A continuación, os asistentes participarán nun xantar de confraternidade no Pavillón Municipal, que contará tamén con diferentes actividades de animación ao longo da tarde.

Poderán tomar parte no evento todas as persoas maiores de 65 anos ou pensionistas empadroadas en Alfoz, que ademais poderán acudir acompañadas dos seus cónxuxes. As inscricións estarán abertas entre o 19 de setembro e o 3 de outubro na Oficina de Servizos Sociais do Concello.

A alcaldesa de Alfoz, Efigenia Maseda Paz, salientou a importancia desta cita para o municipio: “O Festival da Terceira Idade é un momento moi especial para toda a veciñanza, porque rende homenaxe ás persoas que construíron o noso concello co seu esforzo e traballo. É tamén unha oportunidade para compartir vivencias, reforzar lazos e desfrutar dunha xornada festiva todos xuntos”.

Maseda puxo en valor ademais o compromiso do goberno local co benestar das persoas maiores: “En Alfoz temos moi presente a importancia de coidar e acompañar ás nosas persoas maiores, que son a memoria viva do noso pobo. Con actividades coma esta queremos agradecerlles todo o que nos transmitiron e seguir fomentando a súa participación activa na vida social do concello”.

⚙ Configurar cookies
0.10338187217712