Alfoz estrea un curso de pádel para todas as idades dentro da súa oferta deportiva

O Concello de Alfoz continúa apostando polo deporte e a vida activa coa incorporación dunha nova proposta na súa programación: un curso de pádel aberto a nenos e nenas desde os 6 anos, mozos e mozas, e tamén persoas adultas. Trátase da primeira vez que se organiza unha actividade destas características no municipio, e terá lugar entre o 7 de xuño e o 5 de xullo, os luns e os sábados pola tarde.
A distribución dos grupos farase por idades. Os máis pequenos, de 6 a 12 anos, contarán cunha sesión os sábados de 16:00 a 17:00 h, totalmente gratuíta. Para a mocidade de 13 a 17 anos, ofreceranse clases os luns de 19:00 a 20:00 h e/ou os sábados de 17:00 a 18:00 h, tamén sen custo. No caso das persoas maiores de 18 anos, haberá tres opcións de horario: os luns de 20:00 a 21:00 h, os sábados de 18:00 a 19:00 h ou de 19:00 a 20:00 h. Neste último tramo, o prezo será de 10 euros ao mes por unha sesión semanal ou 15 euros por dúas.
As inscricións poderán formalizarse entre o 22 e o 30 de maio no Rexistro do Concello ou a través da Sede Electrónica. Desde o goberno local sinalan que o obxectivo principal é promover o deporte base, o benestar físico e o uso dos espazos municipais por parte da cidadanía, ofrecendo unha actividade novidosa, apta para todos os públicos e pensada para facilitar a conciliación familiar e laboral.