Alfoz entrega unha vivenda municipal en alugueiro social para favorecer a fixación de poboación

O Concello de Alfoz deu un novo paso no seu compromiso co benestar social e a dinamización do rural coa entrega dunha vivenda municipal en réxime de alugueiro social. Trátase do inmoble situado na zona da Pinguela, que foi formalmente adxudicado tras a sinatura do contrato coa unidade familiar beneficiaria.
A vivenda fora rehabilitada en outubro de 2021 grazas á colaboración co Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e posteriormente dotada de mobiliario mediante un convenio coasinado coa Deputación de Lugo en xullo de 2023. Posteriormente, o inmoble foi ofertado por un prezo mensual de 150 euros, segundo as condicións recollidas nas bases da convocatoria.
O proceso de selección desenvolveuse con total transparencia e conforme aos criterios establecidos, priorizando a cobertura das necesidades habitacionais de persoas e familias en situación de vulnerabilidade.
Desde o Concello subliñan que esta acción encaixa dentro dunha estratexia máis ampla de loita contra o despoboamento e promoción da calidade de vida, garantindo o acceso á vivenda como dereito básico. A unidade de convivencia beneficiaria disporá agora dun fogar estable dentro do municipio, o que contribúe a reforzar o tecido social local.
A administración local asegura que continuará a traballar en novas iniciativas que favorezan a fixación de poboación e o asentamento de novas familias, como parte dun modelo de desenvolvemento sustentable e inclusivo.