Alfoz e Valadouro preparan a cuarta Carreira Popular o 4 de outubro

AMariñaXa
O evento contará con diferentes categorías, unha andaina e o apoio da Xunta e da Deputación de Lugo
Presentacion-da-IV-carreira-Valadouro-Alfoz-2025
17 Sep 2025

Os concellos de Alfoz e Valadouro acollerán o vindeiro 4 de outubro a cuarta edición da Carreira Popular Valadouro-Alfoz, unha cita deportiva xa consolidada que se organiza de maneira alterna entre ambos municipios. A proba chega cunha ampla oferta de percorridos para distintas idades e niveis, coa colaboración da Xunta de Galicia e da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

A carreira absoluta terá un trazado de 6,5 quilómetros con saída diante da Casa da Cultura do Valadouro e meta no entorno do pavillón de Alfoz. As categorías de base desenvolveranse arredor do parque municipal de Alfoz: infantil e cadete correrán 1,6 quilómetros; alevín, 1,2; benxamín, 600 metros; e os pícaros, 200 metros. Ademais, a programación inclúe unha andaina popular, pensada para quen queira participar nunha versión máis lixeira da xornada.

Na presentación oficial participaron Manolo Cadramón, xefe dos Servizos Provinciais de Deportes da Xunta; Dani García, deputado de Mocidade da Deputación; José Manuel Lamela, alcalde do Valadouro; Efigenia Maseda, alcaldesa de Alfoz; e mais os concelleiros de Deportes Ana Rubal e Eliseo Lorenzo. Todos eles coincidiron en destacar o valor da proba como exemplo de cooperación institucional e como unha aposta polo deporte inclusivo, apto para todas as idades.

As inscricións permanecerán abertas ata o 1 de outubro. Desde a organización animan á veciñanza e visitantes a sumarse a unha iniciativa que combina deporte, convivencia e promoción do territorio.

⚙ Configurar cookies
0.07145094871521