Alfoz e O Valadouro organizan unhas “Noites de Campamento” para a mocidade

Os Concellos de Alfoz e O Valadouro veñen de selar un convenio de colaboración para poñer en marcha a iniciativa Noites de Campamento, dirixida a mozos e mozas de entre 13 e 17 anos. A proposta desenvolverase entre o 26 e o 28 de agosto no entorno do CEIP Castro de Ouro, en Alfoz, e busca ofrecer unha experiencia diferente de lecer educativo e vida en comunidade.
Durante tres días, a mocidade participante poderá gozar de actividades deseñadas para promover a cooperación, estimular a creatividade e fomentar hábitos de tempo libre saudable, todo isto nun contexto natural que convida á convivencia e ao respecto polo medio ambiente.
O prazo de inscrición permanecerá aberto do 11 ao 18 de agosto en ambos concellos. Cada municipio dispón de 15 prazas, que se cubrirán por rigorosa orde de anotación. As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición a través da sede electrónica de cada concello ou de maneira presencial nas oficinas de rexistro.
Con este acordo, Alfoz e O Valadouro consolidan a súa aposta por unha programación xuvenil conxunta, aproveitando recursos e fortalecendo os lazos entre comunidades veciñas a través de actividades que combinan diversión, aprendizaxe e convivencia.