Alfoz convoca o concurso anual das Letras Galegas
A Biblioteca Pública de Alfoz vén de convocar a fase local do certame de narración e debuxo infantil con motivo das Letras Galegas 2022. O tema elixido nesta ocasión é O que pasa ao meu arredor, observando o mundo como se sente un, que pasa no mundo, os pensamentos, etc.
No certame poden participar todos os nenos e nenas que así o desexen, con narracións en galego, cunha extensión máxima dun folio por unha cara, ou con debuxos feitos sobre cartolina de tamaño aproximado DIN-A4, sobre o tema proposto.
Establécense tres categorías para o concurso: A, ata 8 anos; B, de 9 a 11 anos; e C, de 12 a 16 anos.
Os traballos deberán entregarse na Biblioteca Pública e o prazo de presentación pecharase o día 10 de maio para a fase local e o 30 para a provincial . Cada autor pode presentar cantos traballos desexe, que acompañará dunha folla co seu nome e demais datos persoais.
O fallo do xurado farase público antes do Día das Letras Galegas, e os traballos premiados nesta fase local do certame participarán logo na fase provincial.
Pódese descargar a folla de inscrición no seguinte enlace.