Alfoz conmemora o 25N cun programa de sensibilización baixo o lema “As feridas non sempre se ven”

AMariñaXa
O Concello impulsará accións simbólicas e actividades culturais e formativas para visibilizar a violencia invisible e fomentar o empoderamento das mulleres
casa-do-concello-de-alfoz
13 Nov 2025

O Concello de Alfoz desenvolverá diversas actividades con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que se celebra o 25 de novembro, baixo o lema “As feridas non sempre se ven”. Con esta mensaxe, a administración local quere facer visible que as consecuencias da violencia machista non sempre son perceptibles a simple vista, pois existen feridas que tamén deixan marca no eido emocional, psicolóxico e social.

Durante a semana conmemorativa, a Casa do Concello tinguirase de cor violeta como símbolo da loita contra todas as formas de violencia machista. Ademais, repartiranse bolsas de tea coa mensaxe da campaña tanto entre o alumnado do CEIP Plurilingüe Castro de Ouro como nas distintas actividades dirixidas á poboación adulta.

Entre as accións destacadas figura a presentación do libro “As tolas que non o eran”, da escritora Carmen V. Valiña, o venres 29 de novembro ás 19:00 horas na Casa da Cultura de Alfoz. A autora abordará a historia das mulleres internadas no manicomio de Conxo entre 1885 e 1936 por seren consideradas “non exemplares”: aldeás, pobres, analfabetas ou simplemente rebeldes, nunha clara mostra de violencia e control sobre as mulleres da época.

O sábado 30 de novembro, tamén na Casa da Cultura, terá lugar un taller de defensa persoal para mulleres, en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, con prazas limitadas a un mínimo de sete participantes. As inscricións poderán realizarse ata o 24 de novembro no Concello ou chamando ao 982 585 001 (ext. 6).

Con este programa, o Concello de Alfoz reafirma o seu compromiso coa igualdade, a prevención e a eliminación da violencia machista, apostando pola concienciación social e o empoderamento feminino. As actividades están organizadas polo Concello e contan coa colaboración da Xunta de Galicia, a Consellería de Política Social e Igualdade, o Ministerio de Igualdade e o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

⚙ Configurar cookies
0.06935715675354