Alfoz celébrase sobre rodas coa tradicional Festa dos Choferes

Alfoz volverá vibrar o primeiro fin de semana de agosto coa Festa dos Choferes 2025, unha das citas máis emblemáticas do verán na Mariña. A celebración, organizada pola Asociación Cultural Xuvenil O Castelo en colaboración co Concello, arrincará o venres 1 de agosto e prolongarase ata o domingo 3 cunha ampla programación que combina música, tradición relixiosa e o habitual tributo aos condutores.
O venres pola noite, a partir das 23:00 horas, abrirase a festa cunha verbena a cargo da Discoteca Móbil Conxuro e a Orquestra Finisterre, que animarán a xornada con ritmos para todos os públicos.
O sábado 2 de agosto a actividade comezará ás 13:00 horas cunha misa solemne seguida dunha sesión vermú amenizada pola Orquestra Magos. Xa pola noite, a verbena continuará con dobre cartel: a Orquestra Magos repetirá actuación e compartirán escenario coa Orquestra Metrópolis.
O domingo será o día grande. A partir das 11:00 horas, a tradicional procesión de vehículos percorrerá as distintas parroquias do concello. Ás 13:00 celebrarase outra misa solemne e, a continuación, terá lugar a bendición de vehículos, incluíndo premios para os mellores de cada categoría. A festa culminará cunha nova sesión vermú e unha animada verbena a cargo do Grupo Montreal.
A organización dispón de carpa con mesas e subministración eléctrica para facilitar a participación, ademais dunha zona de acampada habilitada con reserva previa. Desde o Concello e a asociación organizadora convidan á veciñanza e visitantes a gozar dunha fin de semana chea de actividades, festa e homenaxe a todos aqueles que fan do volante unha forma de vida.