Alfoz celebra unha tarde de fantasía e letras co espectáculo infantil 'O conto de Barriga Verde'

O Concello de Alfoz convida a toda a veciñanza a participar nunha tarde chea de ilusión, contos e celebración coa representación do espectáculo infantil “O conto de Barriga Verde”, a cargo do coñecido actor e humorista Fran Rei. A cita será o sábado 24 de maio ás 19:30 horas na Casa da Cultura, e está dirixida tanto a público infantil como familiar.
A obra, inspirada na tradicional figura de Barriga Verde, mestura humor, maxia e memoria popular para ofrecer unha función divertida e entrañable que atrapará tanto aos máis cativos como aos adultos que os acompañen. A proposta busca manter viva unha parte esencial do teatro de monicreques tradicional galego, adaptada aos tempos actuais.
Ao finalizar o espectáculo, terá lugar a entrega de premios do Concurso das Letras Galegas 2025, no que participaron numerosos nenos e nenas do municipio. Como recoñecemento á súa creatividade e implicación, todos os asistentes recibirán un diploma e un agasallo conmemorativo.
Dende o Concello animan a todas as familias a gozar desta xornada especial, pensada para compartir, rir e celebrar a cultura en galego.