Alfoz celebra o XXXI Festival da Terceira Idade con misa, xantar e actos de convivencia

O Concello de Alfoz xa ten todo preparado para acoller o XXXI Festival da Terceira Idade, unha cita que se converteu nun referente no calendario local e que se celebrará o sábado 11 de outubro. O evento busca recoñecer a traxectoria vital e social das persoas maiores do municipio, ademais de ofrecerlles un espazo de encontro e convivencia.
A programación comezará ás 13:00 horas cunha misa na Igrexa Parroquial de San Pedro de Mor. Despois, os asistentes poderán participar nun xantar de confraternidade no Pavillón Municipal, que estará acompañado de diferentes actividades de animación para completar a xornada festiva.
A alcaldesa de Alfoz, Efigenia Maseda Paz, destacou a relevancia deste encontro: “O Festival da Terceira Idade é un momento moi especial para toda a veciñanza, porque rende homenaxe ás persoas que construíron o noso concello co seu esforzo e traballo. É tamén unha oportunidade para compartir vivencias, reforzar lazos e desfrutar todos xuntos dunha xornada de celebración”.
Maseda subliñou ademais o compromiso do goberno municipal co coidado das persoas maiores: “En Alfoz temos moi presente a importancia de acompañar e apoiar aos nosos maiores, que son a memoria viva do pobo. Con actividades coma esta queremos agradecerlles todo o que nos transmitiron e seguir potenciando a súa participación activa na vida social do concello”.