Alfoz celebra este sábado o III Mercado de Nadal no Atrio de San Pedro

O Concello de Alfoz prepara unha intensa xornada festiva para este sábado 6 de decembro coa celebración do III Mercado de Nadal, que se desenvolverá no Atrio de San Pedro entre as 11:00 e as 20:00 horas. A cita, organizada pola Asociación Cultural e Xuvenil O Castelo e que conta coa colaboración do Concello e da Asociación Veciñal de Mor, busca dinamizar o ambiente previo ás festas cun completo programa de actividades para todos os públicos.
Ao longo do día haberá postos de comida, artesanía e decoración de Nadal, ademais de venda de churros, biscoito, chocolate e diversas bebidas quentes e frías. A organización dispón dunha carpa con calefacción para facilitar a participación da veciñanza incluso en caso de mal tempo.
Ás 13:00 horas está prevista unha sesión vermú amenizada polo DJ Breobeats, que poñerá música en directo para ambientar a mediodía. Xa pola tarde, ás 17:00, celebrarase un obradoiro infantil gratuíto baixo o título “Pinta o teu Nadal”, dirixido a nenos e nenas que queiran crear as súas propias manualidades festivas.
Un dos momentos destacados da xornada chegará ás 18:30 horas, co acendido oficial das luces de Nadal a cargo da Asociación Veciñal de Mor, seguido dunha actuación musical do Coro de Mondoñedo, que interpretará diferentes pezas do seu repertorio.
O mercado incluirá tamén o sorteo de tres lotes de produtos entre as persoas asistentes, co obxectivo de fomentar a participación e apoiar as iniciativas locais. Desde a organización convidan á veciñanza de Alfoz e da contorna a achegarse para gozar dunha xornada festiva, familiar e marcada polo espírito do Nadal.