Alfoz celebra 25 anos de feira medieval cunha edición chea de espectáculos e tradición

O concello de Alfoz prepara xa os últimos detalles para acoller a vixésimo quinta edición do seu emblemático Mercado Medieval, unha cita consolidada que terá lugar os días 18 e 19 de xullo e que promete transportar a veciños e visitantes a tempos antigos a través dunha completa programación cultural e festiva.
A festa comezará o venres 18 coa tradicional Noite da Véspera. Ás 21.30 horas, a chegada do Mariscal e a inauguración da “Lousa da Lembranza” darán o pistoletazo de saída a esta celebración tan agardada. A continuación, o grupo Mestre Pacheco de Mondoñedo ofrecerá un concerto de música medieval na igrexa de San Salvador, seguido de danzas, lume simbólico e as enigmáticas vodas medievais do bispo Don Fabrique de Guzmán.
O sábado 19 a actividade será incesante desde primeira hora. Ás 11.00 terá lugar unha visita guiada polo centro histórico co nome “Dende a ponte ao Castrodouro”, seguida da lectura do pregón e a inscrición de nomes na Lousa das Palabras. Ao longo da xornada, a programación inclúe espectáculos para todos os públicos: títeres, demostracións de cetraría, xogos populares, malabares, exhibicións ecuestres e espectáculos de lume.
Un dos pratos fortes da celebración será o gran xantar medieval ás 21.30 horas, que incluirá empanada, mazá, xamón, queixo, viño e outros produtos típicos da zona, todo acompañado por animación musical e teatral. Á medianoite representarase a peza “As sete almas do mariscal”, antes da tradicional queimada con conxuro.
Durante os dous días tamén se poderá desfrutar de actuacións itinerantes de música con Upsala Medieval, demostracións de oficios artesanais, talleres participativos e animación continua. O prezo da cea é de 18 euros e inclúe tamén a queimada e un prato e cunca conmemorativos da edición número 25.
Desde o Concello convidan a toda a comarca e visitantes a “vivir unha fin de semana inesquecible, cunha programación feita con agarimo para celebrar estes 25 anos de historia”.
