Alfoz aproba por unanimidade un Plan Antifraude para reforzar a transparencia municipal

AMariñaXa
O Concello dota á administración local dun marco de control e prevención para a correcta xestión dos fondos públicos
Efigenia-Maseda-Alcaldesa-de-Alfoz-2026
24 Jan 2026

O Pleno do Concello de Alfoz, celebrado o pasado 22 de xaneiro de 2026, deu luz verde por unanimidade ao Plan de Medidas contra a Fraude, acompañado dunha Declaración Institucional que reforza o compromiso da corporación coa integridade e a boa gobernanza. Trátase dun instrumento estratéxico destinado a mellorar os mecanismos de control interno e garantir unha administración máis transparente e responsable.

A posta en marcha deste Plan permite ao Concello adaptarse ás esixencias da normativa europea e estatal vinculada á xestión de fondos procedentes do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. O documento establece actuacións concretas orientadas á prevención, detección e corrección de posibles irregularidades, así como á loita contra a corrupción e os conflitos de intereses.

Entre as medidas recollidas inclúese a creación dunha Comisión Antifraude de ámbito municipal, encargada de supervisar a aplicación do Plan, así como a habilitación dunha canle interna de denuncias que garante a confidencialidade e a protección das persoas informantes. Estes mecanismos buscan facilitar a detección temperá de prácticas irregulares e reforzar a cultura da integridade no funcionamento diario da administración local.

Segundo o acordo aprobado en sesión plenaria, tanto o Plan Antifraude como a Declaración Institucional serán publicados na sede electrónica municipal e no Portal de Transparencia, co obxectivo de asegurar o acceso permanente da veciñanza á información e favorecer o control cidadán.

A alcaldesa de Alfoz, Efigenia Maseda, destacou que “a aprobación deste Plan supón un paso decisivo para garantir unha xestión pública honesta, rigorosa e responsable, imprescindible para xerar confianza na cidadanía e asegurar que os recursos públicos se destinan ao interese xeral”.

Con esta iniciativa, o Concello de Alfoz avanza na consolidación dunha administración moderna, aberta e aliñada cos principios de transparencia e bo goberno.

⚙ Configurar cookies
0.077031135559082