Alfoz aproba o maior orzamento da súa historia para 2025 con máis de 3,1 millóns de euros

AMariñaXa
Este crecemento vén impulsado polo aumento das subvencións finalistas procedentes doutras administracións
casa-do-concello-de-Alfoz
11 Jul 2025

O Concello de Alfoz deu luz verde en Pleno ao orzamento municipal para o exercicio 2025, que ascende a 3.108.296,98 euros, unha cifra récord que supón un incremento de medio millón de euros respecto ao exercicio anterior.

Este crecemento vén impulsado polo aumento das subvencións finalistas procedentes doutras administracións, o que, segundo o Goberno local, é froito dunha “excelente xestión” e dunha planificación “realista e prudente” que permite manter os investimentos sen recorrer ao aumento de impostos.

A alcaldesa, Efigenia Maseda Paz, destacou que “é un orzamento que reflicte o compromiso co futuro de Alfoz. Seguimos avanzando en servizos, en infraestrutura e en calidade de vida, sen comprometer a nosa saúde financeira. Non temos débeda e cada euro que entra invístese pensando na veciñanza”.

Un dos puntos fortes do novo documento económico é o incremento da partida de investimentos, que supera os 1,1 millóns de euros. Entre os proxectos máis destacados figura a mellora da eficiencia no ciclo da auga, cun investimento de 413.059,14 euros, dos cales 372.449,83 serán achegados a través do PERTE de dixitalización do ciclo da auga, un programa financiado con fondos europeos.

Esta actuación permitirá modernizar a rede municipal de abastecemento e reducir perdas hídricas, ao tempo que se promove un uso máis sostible deste recurso esencial.

O novo orzamento tamén consolida o apoio aos programas sociais, como o Servizo de Axuda no Fogar, e mantén as subvencións tanto nominativas como por concorrencia competitiva para asociacións veciñais, culturais, educativas e deportivas.

Desde o Concello subliñan que as contas municipais manteñen o equilibrio orzamentario sen acudir a operacións de crédito, mantendo a débeda en 0 euros. Ademais, prevese a incorporación de remanentes de tesourería ao longo do ano, o que permitirá reforzar partidas ou impulsar novos proxectos.

Precisamente, entre as iniciativas que se financiarán con eses remanentes está a redacción dun PEPRI (Plan Especial de Protección e Reforma Interior) para o núcleo histórico de Castro de Ouro. A elaboración deste plan suporá o primeiro paso para tramitar unha ARI (Área de Rehabilitación Integral), co obxectivo de preservar e rehabilitar este enclave patrimonial.

“A tramitación da ARI é unha das principais aspiracións deste goberno municipal, agora que temos aprobado o Plan Básico Municipal. Queremos poñer en valor o noso patrimonio e facilitar que a veciñanza poida rehabilitar as súas vivendas con apoio das administracións”, afirmou a rexedora.

Con este orzamento, Alfoz aposta por un modelo de xestión sostible, centrado no investimento social, na eficiencia dos servizos e na posta en valor do seu patrimonio histórico e cultural.

⚙ Configurar cookies
0.16433691978455