Alfoz aposta pola sabedoría das plantas cun curso gratuíto sobre fitoterapia

A Escola de Adelán, no concello de Alfoz, será o escenario dun curso práctico centrado no uso e coñecemento das plantas medicinais. A formación, totalmente de balde, terá lugar os días 3, 10 e 17 de maio, entre as 16:00 e as 20:00 horas, e está dirixida a persoas traballadoras, autónomas e desempregadas interesadas en descubrir os usos terapéuticos que a natureza ofrece.
As encargadas de impartir o curso serán Lidia Ares e Nines Domínguez, dúas expertas no eido da fitoterapia e o coñecemento tradicional das plantas. A actividade permitirá afondar tanto na identificación de especies medicinais como na súa preparación e uso para distintos fins, combinando teoría con demostracións prácticas.
A iniciativa está organizada polo Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas e COAG, e conta co apoio do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación do Goberno de España, que financia o programa ao 100%. A formación inscríbese no marco das actividades promovidas pola rede de Formación Agroalimentaria.
As persoas interesadas en participar poden inscribirse chamando ao número 982 121 376 ou enviando un correo electrónico a lorenza@sindicatolabrego.gal. Desde a organización destacan que este tipo de cursos son unha oportunidade para recuperar saberes tradicionais, fomentar o autocuidado e poñer en valor os recursos naturais do rural.