Alfoz activa un programa de conciliación con servizos de madrugadores e ocio-estudio

O Concello de Alfoz pon en marcha un novo Programa de Apertura de Centros Educativos Fóra de Horario Lectivo, pensado para facilitar a conciliación das familias durante o curso 2025-2026. A iniciativa inclúe dous servizos complementarios: o de Madrugadores, que ofrecerá atención antes do inicio das clases, e o de Ocio-Estudio (OES), que funcionará ao rematar a xornada escolar.
O programa desenvolverase desde o 8 de setembro ata o final do curso en xuño. O servizo de Madrugadores funcionará de luns a venres de 7:30 a 9:30 horas. Pola súa parte, o OES terá horario de setembro a xuño entre as 15:30 e as 19:00 horas, e de outubro a maio entre as 16:00 e as 19:00 horas.
As tardes estruturaranse con actividades de xogo libre vixiado, tempo para a merenda, realización de tarefas escolares e técnicas de estudo, así como obradoiros e xogos de ocio. O máximo de participantes simultáneos será de 20 nenos e nenas, con un mínimo de 5 para poder formar grupo, e as prazas cubriranse por orde de inscrición. As familias deberán achegar a propia merenda para os participantes.
As inscricións estarán abertas do 18 ao 25 de agosto, aínda que tamén se poderán formalizar ao longo de todo o curso. A folla de inscrición pode descargarse na web do Concello (https://concellodealfoz.gal) e presentarse tanto na Oficina de Rexistro como a través da Sede Electrónica.
Desde o goberno local destacan que este servizo busca “ofrecer un apoio real ás familias e garantir que o alumnado poida contar cun espazo educativo seguro e enriquecedor máis alá do horario lectivo”. Para máis información, as persoas interesadas poden contactar no teléfono 658 480 410 (Paloma).