Alfoz acolle unha xornada de pesca con mosca co pentacampeón mundial David Arcay

AMariñaXa
O evento combinará charla, demostracións e aprendizaxe práctica o vindeiro 11 de abril
pescador-pesca-rios
26 Mar 2026

O concello de Alfoz será escenario o próximo 11 de abril dunha xornada dedicada á pesca con mosca que contará coa participación do recoñecido pescador David Arcay, pentacampeón do mundo nesta disciplina. A actividade, organizada pola Asociación de Pesca Deportiva Amigos do Ouro, desenvolverase ao longo da mañá cun programa que combina formación teórica e demostracións prácticas.

A cita dará comezo ás 10:30 horas no restaurante O Frenazo, onde se celebrará unha charla na que Arcay compartirá a súa experiencia, técnicas e coñecementos sobre esta modalidade. Durante a sesión abordaranse aspectos como os montaxes, estratexias e trucos que empregan os profesionais, ofrecendo aos asistentes unha visión completa da pesca con mosca.

A xornada continuará cunha demostración en río, na que os participantes poderán observar de primeira man a aplicación das técnicas explicadas previamente, así como resolver dúbidas e afondar na práctica desta disciplina.

A iniciativa conta coa colaboración do Concello de Alfoz, a Deputación de Lugo e o Concello do Valadouro, ademais de entidades vinculadas ao sector. Desde a organización destacan o carácter aberto e formativo da actividade, dirixida tanto a persoas afeccionadas como a quen desexe iniciarse nesta práctica deportiva.

As inscricións serán gratuítas para as persoas socias da asociación organizadora, mentres que o resto de participantes deberán abonar unha cota de 50 euros. As prazas son limitadas e as persoas interesadas poden obter máis información a través da organización.

0.1377899646759