Alfoz acolle un obradoiro de psicomotricidade e memoria para persoas maiores

O Centro Sociocultural de Alfoz acollerá o vindeiro venres 4 de abril un obradoiro teórico-práctico dirixido a persoas maiores, centrado na psicomotricidade e na recuperación da memoria. A actividade, que se desenvolverá a partir das 10:30 horas, ofrecerá aos participantes un espazo para aprender, compartir e coidarse, ao tempo que se fomentará o benestar físico e mental.
O obradoiro contará coa colaboración da Escola Galega de Saúde e a psicóloga Jenifer Souto Pérez, especialista no coidado da saúde integral. A actividade está deseñada para estimular a memoria, mellorar a mobilidade e, sobre todo, proporcionar un momento de lecer e interacción social entre os participantes.
As persoas interesadas en participar deberán inscribirse antes do 31 de marzo no Concello de Alfoz ou chamando ao número 982 55 80 01. Sen lugar a dúbidas, será un encontro enriquecedor que favorecerá a saúde física e mental dos maiores, permitindo que poidan gozar dun momento agradable e beneficioso en boa compañía.