Alfoz acolle un Campamento Dixital gratuíto en Semana Santa

AMariñaXa
A iniciativa busca mellorar as competencias tecnolóxicas da infancia mediante actividades prácticas e interactivas
Imaxe recurso de tecnoloxía
18 Mar 2025

O Concello de Alfoz organiza un Campamento Dixital gratuíto dirixido a nenos e nenas nados entre 2011 e 2016. A actividade desenvolverase os días 14, 15 e 16 de abril na Aula OMIX da Casa da Cultura, en horario de 10:00 a 14:00 horas.

Os participantes adquirirán competencias dixitais a través de misións, retos e aventuras adaptadas a cada idade. Entre os obxectivos do campamento están aprender a buscar información de valor en Internet, protexer os datos persoais, recoñecer noticias falsas ou xestionar o tempo de uso das pantallas de forma saudable.

A inscrición está aberta desde o 19 ata o 26 de marzo e pode realizarse presencialmente no Rexistro do Concello de Alfoz ou a través da súa sede electrónica. As prazas son limitadas, polo que se recomenda anotarse canto antes.

Este campamento forma parte do Programa de Competencias Dixitais para a Infancia (CODI), impulsado pola Fundación Cibervoluntarios e o Ministerio de Xuventude e Infancia, con financiamento dos Fondos Next Generation da Unión Europea.

⚙ Configurar cookies
0.16948986053467