Alfoz acolle a presentación da novela As donas da noite, premio do X Concurso de Relatos “Balbino”

A Casa da Cultura de Alfoz acollerá este venres 19, ás 20:00 horas, a presentación da novela As donas da noite, unha obra recoñecida co primeiro premio no X Concurso de Relatos “Balbino” e publicada por Edicións Fervenza, entidade que convoca este certame literario. O acto está organizado pola Concellaría de Cultura do Concello de Alfoz.
A novela supón a cuarta incursión do escritor Lionel Rexes no xénero narrativo longo, tras a publicación de A raíña das velutinas, A montaña do poeta e Nove lúas, consolidando así unha traxectoria literaria marcada pola reflexión social e o coidado estilístico.
No evento participarán representantes de Edicións Fervenza, membros do xurado do concurso, así como responsables da Xunta de Galicia e da Fundación “Neira Vilas”, entidades colaboradoras na convocatoria do premio. O propio autor estará presente e asinará exemplares ao remate do acto.
As donas da noite está concibida principalmente para o público xuvenil, aínda que o seu contido resulta accesible e atractivo para lectores de todas as idades. A historia constrúese arredor do contraste entre dous mundos, o urbano e o rural, que se entrelazan a través de personaxes novos, estudantes universitarios afeitos á vida na cidade, obrigados a adaptarse a realidades e códigos alleos á súa experiencia habitual.
A trama combina elementos da tradición lendaria e das supersticións propias dos ámbitos máis rurais coas actitudes impulsivas características da mocidade. O relato arrinca cando catro estudantes, dúas mulleres e dous homes, se desprazan a unha aldea durante unha ponte festiva co obxectivo de organizar un sindicato nas súas facultades. Alí entran en contacto cun home de mediana idade, ligado a movementos contestatarios, que se ofrece a guialos, ao tempo que os introduce nun universo escuro e incómodo, observado con desconfianza pola comunidade local. A partir dese momento, a narración acelérase marcada polos celos, as sospeitas, as traizóns e unha especie de maldición que parece pairar sobre os protagonistas.
O xurado do certame destacou especialmente a capacidade da obra para afondar nun rural plural e complexo, no que conviven o legado espiritual de séculos coas novas realidades sociais, laborais e relacionais. Tamén puxo en valor a fuxida de visións idealizadas das aldeas, substituídas por personaxes potentes que reflicten a supervivencia do agro galego, o asociacionismo e o equilibrio entre tradición e modernidade. Todo iso está sustentado por unha prosa intensa, con diálogos áxiles e incisivos, que ofrece unha mirada renovada sobre o mundo rural.
A imaxe da cuberta foi creada polo fotógrafo e realizador audiovisual valadourés Carlos Cornide, coñecido artisticamente como “Belga”.