Alfonso Villares resalta en Burela o papel das peixerías na promoción da calidade dos produtos do mar
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, resaltou o papel esencial que xogan as peixerías e os profesionais que as rexentan na promoción da calidade e sabor dos produtos do mar de Galicia. Así o trasladou o titular de Mar durante a visita a un destes establecementos na localidade de Burela onde destacou que son fundamentais, ao manter un contacto directo co cliente final, á hora de explicar e promover as propiedades culinarias e en dar a coñecer a gran variedade de especies de peixe e mariscos galegos así como os beneficios para a saúde que hai detrás do seu consumo.
Un traballo que complementa e apoia as campañas de difusión destes alimentos desenvolvidas desde o propio sector co obxectivo de promover o seu consumo entre a cidadanía. Estas visitas do responsable autonómico aos puntos de venda de peixe espallados por toda a comunidade ten como obxectivo reforzar a promoción dos produtos pesqueiros galegos nestes espazos comerciais e animar aos consumidores a consumir máis produtos do mar.
Alfonso Villares resaltou que cando as persoas optan por consumir peixe e marisco das rías galegas está apostando pola calidade, pola súa propia saúde e benestar e por apoiar ás xentes do mar, que coa súa profesionalidade e bo facer amosan o seu amor polo mar, sendo as auténticos artífices de que estes manxares cheguen aos nosos padais.