Alfonso Villares preside a Comisión de Integración e Cohesión Social da Femp
O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, preside a Comisión de Integración e Cohesión Social da Femp; que foi constituída a través dunha videochamada na que participaron todos os membros da mesma.
Villares explicou que esta área ten como principal obxectivo a posta en común dos modelos de xestión en materia de inmigración dos diferentes concellos.
A actividade que desenvolveremos –engadiu- “está orientada a xerar espazos de reflexión e encontros que impulsen e favorezan o intercambio de experiencias que faciliten a inclusión social, preveñan situacións de risco e promovan a convivencia cidadá na contorna local”.
Na reunión virtual, un dos asuntos principais que se abordou foi a situación derivada da crise do COVID-19, que deixa a moitas familias en especial situación de vulnerabilidade. Neste senso, desde esta Comisión potenciaranse liñas de actuación específicas para afontar as consecuencias da emerxencia sanitaria desde o papel crucial que desempeñan as Entidades Locais á hora de protexer as necesidades básicas da nosa sociedade.
Deste xeito, os Servizos Sociais públicos serán un factor clave para o desafío que afronta o noso país -precisou- para lograr impulsar a reconstrución social e económica.
Esta mañá celebrouse esta reunión de constitución, e dadas as circunstancias excepcionais nas que nos atopamos, non está marcado un calendario fixo de encontros; convocaranse en función das necesidades que se detecten.