Alfonso Villares asina un convenio de colaboración coa Federación Galega de Confrarías de Pescadores
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, asinou co presidente da Federación Galega de Confrarías de Pescadores, José Antonio Pérez, un convenio de colaboración dotado con 125.000 euros co obxectivo de facilitar o desenvolvemento da súa actividade como máximo interlocutor do sector pesqueiro en Galicia. Así, o responsable autonómico destacou na sede da entidade no municipio coruñés de Ames que este acordo amosa unha vez máis o compromiso do Goberno galego de seguir traballando xunto cos profesionais do mar no deseño e desenvolvemento das políticas pesqueiras na comunidade.
Alfonso Villares, acompañado pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, puxo en valor o modelo de cogobernanza que preside a liña de actuación da Consellería do Mar e que está sustentado no diálogo directo e constante cos representantes das persoas pescadoras, a través de en reunións periódicas, coa finalidade de coñecer as necesidades e artellar as mellores solucións ante os retos aos que se enfronta a actividade pesqueira. Unha cooperación que alcanza ás federacións provinciais que se ve reflectida na mobilización conxunta desde o 2010 de preto de 5 millóns de euros en achegas autonómicas para financiar a súa actividade.
Deste xeito, a Xunta da continuidade a esta colaboración cun novo acordo no que se incrementa o importe en máis dun 12 % respecto ao 2024 o que permitirá afianzar o papel da federación autonómica e o desenvolvemento de novas iniciativas en favor do ao redor de 10.500 profesionais do mar e das 63 confrarías que aglutina de toda Galicia.