Alfonso Villares anima aos chefs do IES de Foz a promover nas súas receitas o consumo dos peixes, mariscos e conservas
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, mostrou o seu convencemento de que os chefs do futuro que se están a formar na actualidade en Galicia serán no futuro próximo uns dos mellores prescriptores e óptimos embaixadores dos produtos do mar galegos. Así o dixo durante a súa visita este venres ao centro de Hostalería do IES de Foz, onde animou aos alumnos a incluír nas súas receitas os peixes, mariscos e conservas producidos na comunidade autónoma para contribuír a incrementar o recoñecemento da súa calidade e a incrementar o seu consumo.
O titular de Mar sinalou durante o seu percorrido polas instalacións da Mariña que é moita e moi variada a oferta que lles chegará a estes profesionais da cociña desde as máis de 60 lonxas galegas, con máis de 300 especies comercializadas, alimentos que deben ser indispensables dentro dunha dieta equilibrada e saudable.
Alfonso Villares puxo como exemplo da boa colaboración entre o sector da hostalería, a propia consellería e o sector produtor marítimo-pesqueiro os foros de GALICIA SABE AMAR celebrados durante a segunda metade do ano 2023 nas catro provincias galegas sobre #aCociñaDoMar, nos que se contou coas creacións de 37 profesionais galegos da cociña de alto nivel, algúns deles con prestixiosos recoñecementos como a Estrela Michelín, das que Galicia suma xa 19. Ninguén mellor que eles para promover cos seus pratos un mellor e maior consumo de peixes, mariscos e conservas.
O conselleiro enfatizou a importancia de poñer en valor a excelencia dos produtos pesqueiros e a oferta gastronómica e hostaleira galega, así como de apostar polo consumo dos produtos locais e de aproveitar todas as posibilidades que ofrecen
Antes de achegarse ao IES de Foz para coñecer aos futuros mestres da gastronomía feita en Galicia e con produto galego, o conselleiro do Mar visitou co alcalde de Ribadeo, Daniel Vega, o Mercado Praza de Abastos deste concello, onde se achegou ás peixerías para dialogar cos seus responsables e vendedores, aos que quixo facer partícipes da campaña coa que a Xunta pretende, por un lado, dignificar aos 50.000 profesionais do conxunto da cadea mar-industria, e por outro, poñer en valor a calidade e defender aos mellores alimentos do mundo, os que se pescan, recolectan e transforman con selo galego.
O conselleiro entregou os carteis onde se aposta por AMAR GALICIA e se lanzan claros mensaxes sobre a confianza na calidade dos produtos do mar, sobre a variedade e o sabor que se ofrece en peixerías e mercados e sobre o fundamental apoio que supón adquirir a produción dos milleiros de familias que viven do mar e as súas industrias na comunidade.
Menos impostos, máis economía e consumo
Alfonso Villares sinalou que este tipo de accións son fundamentais á hora de difundir as bondades desta dieta, que van moito máis alá dos beneficios para a saúde: aportan tamén riqueza e emprego. Por iso reiterou, e prometeu que non o deixará de facer ata que o Goberno central entre en razón, a necesidade de que desde o Estado se continúe a pechar a porta a rebaixar o IVE aos produtos pesqueiros, un veto e maltrato ao sector marítimo-pesqueiro sen sentido ningún que dura xa máis de dous anos.