Alcoa quere dilatar o rearranque do Aluminio ata 2025
A multinacional estadounidense Alcoa presentou ao comité de San Cibrao a súa proposta final na que actualiza o acordo da fábrica de Aluminio modificando o programa de rearranque e que prevé ter o 100% das cubas activas en outubro de 2025, cando no orixinal era en xuño de 2024.
Na súa oferta propón dilatar o arranque total da factoría comezando cunhas 32 cubas que deben estar operativas o 1 de abril de 2024.
"Durante este período, o funcionamento sería o maior de dúas opcións: 32 cubas ou o número de cubas que poidan manterse mediante os acordos de compra de enerxía (PPAs), ata o momento en que poñan en funcionamento a totalidade das cubas. Desde o 1 de outubro de 2025, a produción mínima será o 75 % da capacidade de produción total de 228.000 toneladas ao ano ata finais do seguinte exercicio", dixeron dende Alcoa.
Así, Alcoa comprométese a non iniciar expedientes de regulación de emprego na planta de Aluminio ata o 31 de decembro de 2026, un ano máis que no prazo comprometido no acordo. A cambio, pide aos sindicatos paz social ata ese mesmo día.
No tocante aos investimentos, a multinacional sumará 88 millóns de dólares aos 103 contemplados no acordo inicial para investimentos de obras e os custos de arranque.
Alcoa dá como prazo para asinar o novo acordo ata o 6 de febreiro de 2023. "Todos os elementos incluídos no acordo de decembro de 2021 e non modificados polos termos desta proposta de mellora seguirán vixentes", expón a compañía.
O presidente do comité, José Antonio Zan, avanzou que a multinacional presentou a proposta "sen dar pé a máis negociación" e que queren "verificala coas Administracións". Así hoxe manterán unha reunión coa Xunta e Galicia.
Ademais cada sindicato fará unha valoración da proposta, "que teremos no noso poder e que transmitiremos como sempre fixemos, para que se poidade ler e valorar", explicou.