Alcoa prevé que San Cibrao acade a produción completa e rendible a mediados de 2026 tras o rearranque

AMariñaXa
Nos resultados trimestrais, Alcoa rexistrou un beneficio neto atribuído de 232 millóns de dólares (uns 200 millóns de euros), o que supón un incremento do 158 % respecto ao ano anterior
alcoa-transformador
24 Oct 2025

O presidente de Alcoa, William Oplinger, asegurou que o proceso de rearranque da planta de aluminio de San Cibrao, no municipio lucense de Cervo, “vai realmente moi ben” e destacou a confianza da compañía na capacidade do persoal en España para xestionar as instalacións “de maneira excelente”.

Durante a presentación dos resultados correspondentes ao terceiro trimestre de 2025, a empresa indicou que a previsión é acadar a produción total e a rendibilidade da planta a mediados de 2026.

A vicepresidenta executiva e directora financeira, Molly Beerman, explicou que o obxectivo pasa por “chegar ao ritmo completo de produción a mediados de 2026 e alcanzar o nivel de rendibilidade do forno de fundición na segunda metade dese ano”.

En canto ás previsións para o cuarto trimestre de 2025, Alcoa estima que o rendemento do segmento do aluminio sexa negativo en arredor de 20 millóns de dólares, debido ás ineficiencias propias da reanudación da actividade en San Cibrao e á diminución das vendas de enerxía a terceiros, aínda que este impacto se verá parcialmente compensado polo aumento dos envíos.

Nos resultados trimestrais, Alcoa rexistrou un beneficio neto atribuído de 232 millóns de dólares (uns 200 millóns de euros), o que supón un incremento do 158 % respecto ao ano anterior. A multinacional sinalou que o aumento dos prezos do aluminio axudou a compensar o impacto dos maiores custos arancelarios.

As contas entre xullo e setembro inclúen tamén o beneficio pola venda da participación en Ma’aden e unha variación favorable no valor de mercado das accións desta empresa, factores parcialmente compensados por custos de reestruturación.

Excluíndo os elementos extraordinarios, o resultado axustado de Alcoa no trimestre pechouse con perdas de 6 millóns de dólares (5,2 millóns de euros), fronte ás ganancias de 135 millóns (116 millóns de euros) rexistradas no mesmo período de 2024.

⚙ Configurar cookies
0.089409828186035