Alcoa instalará nos Estados Unidos un forno de ánodos semellante ao que reclama San Cibrao

A empresa Alcoa anunciou un investimento de 60 millóns de dólares para a reconstrución e modernización do seu forno de cocción de ánodos na planta de Massena, en Nova York. A iniciativa inclúe un contrato enerxético a dez anos e permitirá reforzar a capacidade produtiva desta factoría, a máis antiga da compañía en funcionamento a nivel mundial.
O comité de empresa de Alcoa San Cibrao lembrou no pleno de Mondoñedo a importancia desta infraestrutura e insistiu en que a planta lucense necesita unha instalación semellante para garantir o seu futuro. Recordaron que a desaparición do antigo forno obrigou a importar ánodos para a produción de aluminio, o que incrementa o custo e complica a loxística, xa que chegan ao porto de Vigo máis de 120.000 toneladas anuais, equivalentes a uns 6.000 camións.
O presidente do comité, José Antonio Zan, advertiu de que a falta dun forno propio resta competitividade á planta e dificulta o cumprimento do acordo de investimento asinado con Alcoa. Tamén sinalou que outros elementos necesarios para garantir a seguridade ambiental, como os lavadores, contan cun terreo cedido polo Estado, mais a empresa aínda non concretou o proxecto.
O comité subliñou que o verdadeiro reto é atopar unha solución para os millóns de toneladas de barros vermellos almacenados e instou a avanzar nun plan de aproveitamento económico destes residuos. “Non podemos seguir esperando a que se encha o depósito; é necesario actuar xa”, afirmaron.
Actualmente, Alcoa continúa co traslado de barros ao depósito de Monte Pizán, cun volume xa superior aos 10 millóns de metros cúbicos. O comité destacou que a planta de San Cibrao xera máis de 980 empregos directos e supera os 1.100 contando o persoal auxiliar.